HISTORIA DA ASOCIACION DE EX – ALCOHOLICOS DE FERROLTERRA
A Asociación leva desde o ano 1972 traballando na loita contra a Enfermidade Alcohólica, na recuperación de persoas alcol-dependentes e, na información e prevención do alcoholismo; sendo, na actualidade, destacada a súa eficacia no labor desenvolvido. Ata tal punto que, recoñecidos médicos, chegan a indicar aos seus pacientes, a necesidade de estar integrados na Asociación, para poder superar a súa enfermidade, constituíndo, hoxe en día, un complemento imprescindible dentro do período de curación do enfermo alcohólico.
No transcurso de tanto anos, vivimos innumerables vicisitudes; creando esta Asociación, varios enfermos que acudían a terapia do Dr. Bobadilla Pardos, alá polo ano 1972 e que decidiron unirse co fin de manter a abstinencia; logrando que Cáritas lles cedése unha habitación que pasou a ser o primeiro local onde reunirse.
Posteriormente, sobre o ano 1975, conseguiuse que o Concello de Ferrol, cedese en precario un baixo duns 60 metros cadrados na rúa Magdalena, nº 204 baixo, que foi a Sede da Asociación, ata o ano 2003, en que se conseguiu da Xunta de Galicia, o aluguer dun local (baixo e entresollado), cunha superficie aproximada de 562,00 M2, nun grupo de vivendas sociais, que reúne unhas condicións óptimas para o labor que desenvolvemos, dado que consta de 5 despachos, 2 salas de espera, sala de recreo, sala de terapia, salón de actos, sala de recepción, oficinas administrativas, servizos hixiénicos normais e adaptados para minusválidos.
Posteriormente e despois de cumprir os requisitos necesarios, a Asociación é recoñecida pola Xunta de Galicia como unha UNIDADE ASISTENCIAL EN DROGODEPENDENCIAS DESTINADA A ALCOHOLISMO, de carácter ambulatorio (Declarado como tal o 13 de Setembro de 1992, pola Xunta de Galicia), sendo o seu ámbito de actuación todo a área sanitaria de Ferrolterra, na que están comprendidos 22 Concellos, cunha poboación aproximada de 250.000 habitantes; ademais de tratar a enfermos doutras provincias, que acoden voluntariamente.
A asistencia, consultas e tratamento, na nosa Asociación, é totalmente gratuíta, o único requisito esixido, é que se trate dun problema relacionado co abuso ou dependencia do alcohol, ó do tabaco, ou existan problemas de adicción ao xogo ( ludópatas).
Desde o punto de vista asistencial, leva a cabo un tratamento integral do enfermo alcohólico ou doutras adiccións, que comprende:
a) Acollida da demanda.
b) Realización da historia clínica.
c) Asistencia médica con revisións periódicas e probas complementarias.
d) Psicoterapias de grupo, individuais, de parella e familiares.
e) Seguimento de casos e asistencia a nivel social.
Por regra xeral o paciente permanece a tratamento durante un período de dous anos, aínda que este espazo de tempo pode variar segundo as características de cada suxeito. Ao comezo do tratamento, durante o primeiro mes, os contactos co usuario son semanais, espaciándose posteriormente en maior ou menor medida, en función das necesidades de cada caso
.
A integración na psicoterapia de grupo adoita realizarse unha vez finalizada a desintoxicación, salvo circunstancias que o contraindiquen; estas terapias teñen unha periodicidade semanal.
Para a realización de todas as actividades contamos cos seguintes, RECURSOS HUMANOS: Equipo Técnico Multidisciplinar composto por:
* Unha Psicóloga
* Unha Traballadora Social.
Equipo Administrativo:
Unha Graduado Social.
Persoal de Servizos:
* Unha Telefonista-Recepcionista
Persoal Voluntario:
* Xunta Directiva da Asociación e Alcohólicos Rehabilitados
.
A presenza dun equipo técnico completo, como o que dispoñemos, téñenno moi poucos servizos ou asociacións. Grazas ao seu labor, estamos a ser debidamente recoñecidos neste campo da Sanidade, obtendo uns resultados gratificantes, ao redor dun 70 ou 80 por cento, en canto a persoas que son dadas de alta. Ademais permitiunos chegar a concertos con concellos e empresas, para que os enfermos recuperados, poidan integrarse xa sexa en cursos de diversas profesións ou en empregos directos.
Ademais deste labor, a principal, iniciamos nos primeiros anos 90, uns ciclos de conferencias de prevención do alcoholismo nos colexios da Comarca de Ferrolterra. Estes, pouco a pouco consolidáronse e na actualidade constitúen un labor máis da asociación, de carácter anual.
No ano 1995, despois de iniciarse, a nivel nacional, a celebración do Día Sen Alcol, e xurdir problemas entre diversas asociacións a nivel estatal, Fexalga (Federación de Ex –Alcohólicos de Galicia, da cal ostentabamos a presidencia e secretaria) decidiu desmarcarse da polémica e nomear un día (o máis próximo posible ao 15 de novembro) como “24 Horas Sen Alcol”. Desde a devandita data realizamos todos os anos, un festival musical (dentro dos distintos centros culturais, con asistencias medias dunhas 500 persoas) con artistas de diversa índole, celebración de campionatos de kárate, fútbol sala, xadrez, atletismo, etc.; repartición de publicidade e folletos, conferencias sobre a enfermidade alcohólica; con información da dirección e teléfonos da Asociación e, acordos coas farmacias da Comarca, para a súa distribución.
Desde os anos 1980 ata a actualidade, levamos a cabo a realización de diversos Cursos de Educación Sanitaria, dirixidos tanto a profesionais da sanidade como a outras persoas integradas nos comités de empresa e hoxe en día profesionais dos riscos laborais, todos eles foron apoiados pola Universidade de Santiago de Compostela.
No ano 1996, procedeuse á solicitude ao Ministerio do Interior, da cualificación de Utilidade Pública, séndonos concedida nese mesmo ano.
Desde a inauguración do actual Local Social, no ano 2003, e dado que o mesmo conta cun local destinado a Salón de Actos, no que realizamos diversas actividades (conferencias, proxección de películas de alcoholismo, cursos, etc.), o noso Local Social, está aberto a calquera tipo de iniciativa comunitaria que se desenvolva no Barrio onde se atopa situado.
• RESULTADOS OBTIDOS COA REALIZACION DAS ACTIVIDADES
Como queda devandito, o fin primordial é a curación ou abstinencia total do enfermo alcohólico, ademais dos outros enfermos adictos a tabaco, xogo ou outro tipo de adicions sen substancias.
Durante o transcurso do ano, recibimos novos enfermos aos que temos que aumentar ou sumar os enfermos que non foron capaces de manter a súa abstinencia e sufriron unha ou varias recaídas, decidindo volver iniciar o tratamento.
Outro dato que reforza o noso labor diario e por tanto, que o funcionamento da Asociación, está a ser cada día máis profesional podémolo deducir do número de abandonos do tratamento, que se mantén ao redor de 3% por ano.
Un novo dato que avala a nosa dedicación, podémolo recoller no número de concellos de onde proceden os pacientes, que aumentaron ata os 24 concellos, algún mesmo fóra da provincia da Coruña, proba de que as nosas actividades son cada vez máis coñecidas e recoñecidas profesionalmente.
Por outra banda, no capítulo de Prevención da enfermidade alcohólica, o número de conferencias impartidas, contiúan sendo similares todos os anos. Dentro deste capítulo, temos na parte positiva, o aumento do número de asistentes tanto no apartado de militares como no de adultos, que sen ser cantidades destacadas se son significativas.
En relación coa actividade de 24 Horas Sen Alcol, que normalmente asociamos a un festival musical e actividades deportivas, dependendo da economía, a actividades deportivas, temos que resaltar que ano tras ano, constitúe un éxito de asistencia de persoas de toda índole, da Comarca de Ferrolterra.
• NUMERO DE BENEFICIARIOS DOS SERVIZOS OU ACTIVIDADES.-
Para ser beneficiario dos servizos desta Asociación, ten que darse a circunstancia de ser unha persoa con problemas (de saúde, familiares, sociais ou laborais) derivados dunha dependencia do alcol, tabaco, xogo ou outro tipo adicción sen substancias.
Para ser beneficiario das actividades desta Asociación, non se necesita ningún requisito.
O número total de beneficiarios (directos ou indirectos) é imposible de determinar, polo que se realizan estimacións aproximadas. Primeiro habería que determinar o que son beneficiarios directos (só os pacientes, os pacientes e familiares directos, os pacientes novos, os novos e os retornos, os pacientes e asistentes a actividades da asociación, etc.?). E os indirectos?.
En relación cos beneficiarios das 24 Horas Sen Alcol, ademais dos asistentes ao acto principal (festival musical, competición deportiva, etc.) temos que engadir a cantidade dunhas 110 persoas máis, asistentes ás dúas conferencias impartidas no Salón de Actos da Asociación.
Cantos se benefician da actividade de conferencias de prevención; nas diversas emisoras de radio ou de televisión? Incalculable.
Cantos se benefician da lectura de artigos publicados na prensa?. Incalculable.
Cantos se benefician dos coñecementos ou axuda doutros que asistiron a conferencias ou cursos realizados pola asociación?. Incalculable.
PROFESIONAIS CON CONTRATO DE TRABALLO INDEFINIDO:
• Psicóloga
• Traballadora Social
• Graduado Social
• Telefonista-Recepcionista
.
OUTRO PERSOAL:
• XUNTA DIRECTIVA.- VOLUNTARIA (10 PERSOAS)
O persoal voluntario de servizos, en realidade trátase dos compoñentes da Xunta Directiva, que realizan innumerables tarefas de distinta índole dentro das diversas actividades e labores existentes no mantemento e funcionamento da Asociación.
Dentro destas tarefas están:
a) Oficina de Recepción (atención ao público e pacientes novos, información ao público, reunións cos responsables escolares, atención telefónica, recepción do correo, etc.).
b) Boletín Informativo (procura de noticias, lectura de traballos, exposición de ideas, confección boletín).
c) Programas de Prevención (entrevistas con directores de colexios, anpas, empresarios, etc.; repartición de folletos informativos; buzoneo polos barrios, pegada de carteis e posters; traslado de proxector e diapositivas, etc.).
d) 24 Horas Sen Alcol (pegada de carteis e posters; acordos cos diversos grupos musicais, procura de equipos deportivos; trofeos, agasallos, etc.; xestións para o Centro Cultural, acondicionamento do mesmo, etc.).
e) Programas de participación e cooperación, onde está integrada a Asociación (reunións cos traballadores e responsables dos servizos sociais dos concellos da Comarca de Ferrolterra.
f) Reunións cos responsables da xestora de organizacións non lucrativas; entrevistas cos distintos responsables da Universidade de Santiago, Escola Universitaria de Traballo Social e Escola Universitaria de Enfermería; cos que esta Asocición mantén un Convenio de colaboración para que os alumnos de ultimo ano poidan realizar prácticas nesta Asociación, sendo tutelados polos técnicos.